lunes, 9 de octubre de 2017

NO RÍO DA CHANCELA


                                                           (Foto: Manuel López López)

O lavadoiro do río da Chancela foi unha das obras públicas mais importantes feitas polo Concello na primeira metade do século XX. Co  tellado a catro augas erguíase na marxe dereita ao lado da ponte e todos os días as mulleres da parte alta de Negreira e de Logrosa chegaban coas bañeiras de latón á cabeza cargadas de roupa. Aos dous lados do pilón fregábana contra a pedra, enxabonábana e se era branca tendíana ao sol, no campo ás beiras da estrada de Santiago, como inmensas bandeiras que logo clarexaban de novo e levaban relucentes.

Só nas casas podentes tiñan nas hortas un lavadoiro propio, pilóns que facilitaban o traballo co corpo ergueito, a xente máis modesta acudía ás beiras dos ríos e regueiros onde dispoñían as lousas de pedras inclinadas para, de xeonllos, proceder ao lavado das prendas, como na ponte dos Castros ou no regueiro de Portobois.

Os lavadoiros públicos eran unha importante fonte de información, alí contábanse as novas que acontecían no pobo: casamentos, festas, defuncións, ou calquera noticia de interese que logo se espallaba nas familias. As linguas afiadas tamén aproveitaban ese labor doméstico para destripar ao veciño que estivera no seu ponto de mira, facéndose popular a expresión “ Hai roupa ao sol!” para avisar da presenza de algunha persoa que non conviña que ouvise os improperios que ese día se lanzaban. No Enterro da Sardiña do Entroido do ano 1958 o oficiante introducira a letanía Das malas linguas do río da Chancela... ó que contestaba o coro: Liberanus Dómine!

Fullonica de Stephanus-Pompeia

Na época romana o lavado nas cidades facíase nas Fullonicas, atendidas por escravos que introducían a roupa nos pilóns para mesturala con ouriños humanos pois o ácido que contén ese excremento axudaba a quitar as manchas. Nas portas destas lavandeirías dispoñíase un cacharro de barro para recoller o detritus. O emperador Vespasiano mandou construír letrinas para que os propietarios levaran o ouriño, que estaba gravado con un tributo, encarecéndose bastante o servizo que prestaban. Na cidade de Pompeia lévanse localizado once establecementos deste tipo, sendo o máis famoso o de Stéphanus un rico propietario da cidade.

Durante a Idade Media os hábitos hixiénicos chegaron a desaparecer, salvo en Al Ándalus que formaban parte da práctica relixiosa, dando lugar á propagación de enfermidades e epidemias, pero coa modernidade volvéronse a implantar de novo.

Na desembocadura deste mesmo río, na década dos sesenta do século pasado, construiuse outro lavadoiro público debaixo do que foi Matadoiro Municipal, para o uso das vivendas da parte baixa da vila e algunhas parroquias tamén foron dotadas deste servizo. Sería interesante que os que aínda existen, fosen rehabilitados pois xunto aos pombais, os hórreos ou os muiños forman parte da arquitectura tradicional que merece ser conservada.







No hay comentarios:

Publicar un comentario