jueves, 18 de mayo de 2017

HISTORIAS PARA NO DORMIR









O título corresponde a unha exitosa serie da TVE emitida dende 1966 a 1968 e dirixida por Narciso Ibáñez Serrador, pertencente ao xénero de terror e contou con capítulos tan suxerentes como La pesadilla, La zarpa, La alarma ou El Vidente. Tivo logo unha continuidade noutra serie titulada “Historias para pensar”, conxunto de relatos, desta volta máis profundos e intelectuais, que tamén acadou un gran éxito de audiencia.

Hai catro anos paroume na rúa un funcionario municipal para preguntarme se lembraba de cando foran doadas ao concello as escolas construídas pola Unión Barcalesa da Habana, pois precisaban saber a data exacta. A miña contestación foi pronta e escueta: Mira no Libro de Actas do ano 1993, alí está. Respostoume que non era posible porque o Libro que contén as actas das sesións plenarias dende finais do 1989 ata maio do 1995 roubárano e xa a Secretaria puxera a correspondente denuncia no Xulgado. Eses libros, resposteille, estiveron sempre nun armario pechado da Secretaría, pero non hai problema, cando deixei o cargo no Concello pedinlle ao Secretario si me podía dar unha copia das actas da Comisión de Goberno e do Pleno dos doce anos na Alcaldía e entregaoumas en catro archivadores. Ao chegar á casa, consúltoas.

A miña sorpresa foi maior cando cheguei á casa para consultar o arquivador coas actas correspondentes a esas datas e non estaban. E non se trataba dun simple cambio de lugar, dos catro arquivadores, só quedaban tres, o cuarto- cos acordos plenarios- desaparecera. Ata hoxe.


HISTORIAS PARA PENSAR


Hai uns días chamáronme das oficinas municipais porque aparecera  nunha carpeta, dentro dun armario, unha serie de actas plenarias sen encadernar, en follas correspondentes aos anos en cuestión (1989-1995), para proceder á súa sinatura. Achegueime ata a casa do Concello na compaña do que fóra primeiro tenente de alcalde nesa altura e, efectivamente, alí habia un lote de actas, en follas soltas numeradas e sen sinatura que, lixeiramente, revisamos.

Na entrevista coa señora Secretaria pedímoslle que solicitara copia deses documentos á Subdelegación do Goberno ou á Consellería de Presidencia, a onde se remitían puntualmente logo de cada sesión, debidamente asinadas polo Secretario e o Alcalde, coa finalidade de repoñer o Libro e tamén cotexalas coas aparecidas na citada carpeta, pois nunha primeira revisión aparecía o acordo da Contratación dan Normas de Planeamento Urbanístico parcialmente tachado. E aínda que ela o descoñecía, a falsificación de acordos non era unha novidade:

O 27 de marzo de 1985 o Pleno da Corporación no punto 5º da Orde do Día, por unanimidade, e despois do informe da Comisión Investigadora formada por representantes dos grupos políticos acordou exercitar toda clase de accións legais pola  falsidade dun acordo plenario que recollía un pequeno párrafo engadido e nun punto alleo a ese asunto, polo que se procedía á venda de tres vivendas de titularidade municipal, párrafo que non figuraba no borrador asinado polos concelleiros e sí no Libro de Actas. Tamén se procediu á lectura do informe da comparecencia dos membros da corporación anterior que manifestaron non ter tomado dito acordo. Pasados cinco anos, o Xulgado, que non fixera ningún trámite nin tomara decisión algunha, comunicou que o asunto quedaba prescrito e as vivendas deixaron de ser de titularidade municipal.

Quedamos á espera a ver que novidades nos depara esta nova historia se é que as actas orixinais chegan ao concello e poden ser cotexadas coas apócrifas, de recente aparición.








No hay comentarios:

Publicar un comentario