lunes, 9 de octubre de 2017

NO RÍO DA CHANCELA


                           Foto: Manuel López López

O lavadoiro do río da Chancela foi unha das obras públicas mais importantes feitas polo Concello na primeira metade do século XX. Co  tellado a catro augas erguíase na marxe dereita ao lado da ponte e todos os días as mulleres da parte alta do pobo e de Logrosa chegaban coas bañeiras de latón á cabeza cargadas de roupa. Aos dous lados do pilón fregábana contra a pedra, enxabonábana e se era branca tendíana ao sol, no campo ás beiras da estrada de Santiago, como inmensas bandeiras que logo clarexaban de novo e levaban relucentes.

Só nas casas podentes tiñan nas hortas un lavadoiro propio, pilóns que facilitaban o traballo co corpo ergueito, a xente máis modesta acudía ás beiras dos ríos e regueiros onde dispoñían as lousas de pedras inclinadas para, de xeonllos, proceder ao lavado das prendas, como na ponte dos Castros ou no regueiro de Portobois.

Os lavadoiros públicos eran unha importante fonte de información, alí contábanse as novas que acontecían no pobo: casamentos. festas, defuncións, ou calquera noticia de interese que logo se espallaba nas familias. As linguas afiadas tamén aproveitaban ese labor doméstico para destripar ao veciño que estivera no seu ponto de mira, facéndose popular a expresión “ Hai roupa ao sol!” para avisar da presenza de algunha persoa que non conviña que ouvise os improperios que ese día se lanzaban. No Enterro da Sardiña do Entroido do ano 1958 o oficiante introducira a letanía Das malas linguas do río da Chancela... ó que contestaba o coro: Liberanus Dómine!

Fullonica de Stephanus-Pompeia

Na época romana o lavado nas cidades facíase nas Fullonicas, atendidas por escravos que introducían a roupa nos pilóns para mesturala con ouriños humanos pois o ácido que contén ese excremento axudaba a quitar as manchas. Nas portas destas lavandeirías dispoñíase un cacharro de barro para recoller o detritus. O emperador Vespasiano mandou construír letrinas para que os propietarios levaran o ouriño, que estaba gravado con un tributo, encarecéndose bastante o servizo que prestaban. Na cidade de Pompeia lévanse localizado once establecementos deste tipo, sendo o máis famoso o de Stéphanus un rico propietario da cidade.

Durante a Idade Media os hábitos hixiénicos chegaron a desaparecer, salvo en Al Ándalus que formaban parte da práctica relixiosa, dando lugar á propagación de enfermidades e epidemias, pero coa modernidade volvéronse a implantar de novo.

Na desembocadura deste mesmo río, na década dos sesenta do século pasado, construiuse outro lavadoiro público debaixo do que foi Matadoiro Municipal, para o uso das vivendas da parte baixa da vila e algunhas parroquias tamén foron dotadas deste servizo. Sería interesante que os que aínda existen, fosen rehabilitados pois xunto aos pombais, os hórreos ou os muiños forman parte da arquitectura tradicional que merece ser conservada.







viernes, 22 de septiembre de 2017

A TÍA ROSA



                                                                                      Carlos Maside
  

Daquela, cando os pobres andaban a pedir polas portas, unha mañá apareceu  nas rúas cun saqueto de tea. Ía vestida con moitas saias, unhas encima doutras, e unha chaqueta de home na que penduraban a modo de condecoracións unha chea de medallas relixiosas. Todo o mundo se sorprendía porque polo seu porte non semellaba ás outras persoas que andaban á esmola. Comezaba nas casas pola mañá e chegando o mediodía sacaba a cunca de barro do saqueto para que llela encheran de caldo e sentaba fóra, a xantar.

Pouco a pouco foi facéndose familiar a súa presenza e ó sair os rapaces da escola xuntábanse a parolar con ela. De cando en vez, cando algún se propasaba, agarraba o pau ameazándolle: “Rapás que che bato!!”, entre as gargalladas de todos. Ás veces saía correndo detrás do grupo pola Rúa do Carmen ata a Costa de Villar, facendo como que quería mallalos pero todos sabían que era un xogo. Polas noites durmía embaixo dos arcos do Pazo do Cotón e cando o frío apretaba disque nun pallal de Campos. A xente acabou por chamarlle a Tía Rosa e a tratala con familiaridade.

Así foi durante moitos meses ata que un bo día desapareceu. Todos preguntaban por ela e algúnha veciña foi mesmo a pedir no concello que a buscaran pois non era normal unha ausencia tan repentina. Aquelas semanas non houbo outra conversa nas casas pois a xente afixerase  á súa presenza,  mais non se volveu a saber dela.

Ao cabo de tempo a noticia correu como un regueiro de pólvora, o xornal recollía que falecera nun pobo da provincia, paréceme que era Arzúa, e dicía que ao seu enterro asistira o alcalde con moitísimos veciños pois a Tía Rosa tamén era alí unha persoa moi querida por todo o vecindario. Disque había  anos que non se venderan tantos xornais na vila.

Hoxe de mañá espertei cunha canción na radio que ten a letra do poema de Ramón Cabanillas “Pobriña da tola”:

Non teño parentes amores nin chouza.
Aldea en aldea,parroquia en parroquia,
ando polo mundo ¡arredada e soia!
Xanto cando atopo cunha almiña boa
que polos seus mortos bótame de esmola
a cunca do caldo e o anaco de broa.
Durmo nos camiños érgome coa aurora,
lávome nas fontes de crara auga morna,
e as noites que a lúa loce briladora,
como nun suspiro paso as horas mortas
mirando para ela cantándolle copras:

…........

Cando camiñando paso polas hortas
a tempo que a xente turra da espiocha
ou cava patacas ou pranta cebolas
sempre hai un que diga:- A onde vas Rosa?
E eu que non quero andar en parolas
nin que naide naide sepa as miñas cousas,
nin de min se bulre nin veña con cholas ,
sin faltar á crianza mándoo faguer moitas:
-¡Demo de xudío! ¿A ti que che importa?
¿Tes ganas de leria? ¡pois chama por outra!
E, sin máis palique vírome de costas;
mais ben me percato facéndome a xorda,
que queda decindo: ¡Pobriña da tola!

..........

E non é verdade, ¡Abofé que estou corda!
¡Si a xente soupera que vivo na groria!
¡Si dos meus segredos caíran na conta!

.....

Por eso me río cando ¡meigas fora!
A xente do mundo que di que está corda
marmura ó toparme¡Probiña da tola!


Por eso me lembrei da Tía Rosa da que nunca poidemos saber que vivencias se agochaban na súa alma que a levaron a andar polo mundo de porta en porta.





domingo, 17 de septiembre de 2017

ITE MISA EST !....





Non se trata de escribir un post en latín, que podería acabar como o rosario da aurora, o que se rezaba á saída do Sol. Falarlle a moitos mozos de hoxe de rosarios e outras andrómenas pode soar mesmo  a épocas pasadas, algo así como ter que alumearse cuns camping-gas para poder sacar esta fotografía, porque ese foi o caso. Ás veces as situacións extremas levan a despregar as neuronas para buscarlle solucións as cousas. 

Era a primeira experiencia campamentística baixo a iniciativa de Pepe Montes, a viaxe con tendas de campaña á praia en Rianxo. A ledicia da chegada e o barullo xuvenil debeu cabrear a Neptuno porque o vento e a choiva atacaron a traición nas primeiras horas da noite levando todo polo aire o que obrigou a recoller os bártulos con presa baixo unha tremenda chuvieira, buscando refuxio na fermosa localidade barbanzana onde fomos acollidos con agarimo.

Alí comprobamos a solidariedade dos veciños, prestándonos roupa interior e exterior xa que a nosa estaba inutilizable. A sacristía da igrexa parroquial foi o noso acubillo durante unha semana mentras un sol agarimoso que lucía de novo foi mudando en vapor toda a auga que empapaba as nosas pertenzas. Unha experiencia inesqueciblede da que recordo tamén a visita do mocerío para comprobar o estado daqueles rapaces que estiveran a piques de afogar e a convivencia coas imaxes dos santos, que alí agardaban o día da festa para lucirse nos altares.

Daquelo quedou este retrato do primeiro campamento. Entre os ciriais que portan Toñito de Saturno e Juan Turnes, Moncho Barbazán coa estola e a casulla, e arredor o resto dos “filigreses”: pola dereita Suso García, José Manuel, Manolo, José Ramón López e Carlos Rodríguez.

Logo, nos veráns que chegaron despois, todo foi a mellor, as estacións estivais volvéronse máis respetuosas co mocerío de terra adentro que se achegaba ao mar para unhas semanas de leda convivencia.

Hai algún tempo que se veñen xuntando anualmente medio cento de persoas que participaron durante varios anos nos Campamentos Comarcais do Val de Barcala, monitores e monitoras que todos os veráns levaron a máis dun milleiro de rapaces e rapazas polas praias das Rías de Galicia para desenvolver programas de convivencia que axudaron a formar cidadáns. Para o seu arquivo, este modesto documento gráfico daquel primeiro intento campamentístico que naufragou nas praias de Rianxo.





jueves, 7 de septiembre de 2017

A FILLA DE LINARES RIVAS



                                                           Foto: J.M.L.T.


Aquela tarde de primavera do ano 1894 as escasas rúas de O Cotón quedaron estreitas para acoller á multitude de veciños e forasteiros que acudiron a despedir a Sofía, a moza de vinte anos que finara despois dunha longa enfermidade producida pola tuberculosis, a praga infecciosa que dende séculos, viña causando unha gran mortalidade na poboación sen reparar na idade nin condición social, pois no 1885 tamén o rei Alfonso XII morría pola mesma causa aos 28 anos. Só os queixumes das campás da igrexa parroquial rachaban dende o alto o silenzo do pobo. O alcalde de Negreira, Francisco Calviño Nalla, xunto coa corporación municipal, acudía ao domicilio familiar na rúa do Carme para acompañar á familia.

Sofía Linares Astray era filla de Aureliano Linares Rivas e neta do avogado santiagués José Astray Caneda. A súa chegada a Negreira produciuse logo do casamento con Tomás Rodríguez Garzón que se instalara na Vila para exercer como letrado no Xulgado de Primeira Instancia. Os xornais da época xa recolleran a nova dous anos antes. De sociedad: El domingo se verificó en Santiago el enlace de la bella señorita Sofía Linares Astray con el joven y culto abogado señor Garzón. Fue padrino de la boda D. Manuel Linares Astray, diputado por Órdenes y en su representación D. Eulogio Terrazo, Secretario de la Junta Provincial de Beneficencia y madrina la madre de la novia que estaba elegantísima.(1)



A chegada á pequena vila duns 200 habitantes foi sen dúbida un cambio na vida social de Sofía animada polas escasas reunións de sociedade e polas cartas da familia que lle informaban dos acontecementos políticos e culturais mais recentes. Tamén pola visitas da súa nai, Adela, moito máis frecuentes dende que se agravara a enfermidade que a volvía máis pálida e melancólica. Ás veces chegaban noticias ledas, como a exitosa estrea en Madrid das primeiras obras de teatro do seu irmán Manuel: El camino de la Gloria e La ciencia de los hombres, destacadas pola prensa da capital polo seu gran éxito de público, iniciaban a súa traxectoria literaria con 46 obras de teatro e catro novelas.

A vida tranquila só se vía alterada os primerios e terceiros domingos de cada mes pola cantidade de xente que acudía ás feiras e transformaban, ocasionalmente, o relaxado ambiente vilego. Pero nin os coidados do seu médico e amigo persoal, D.Victor García Ferreiro, profesor na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, nin dos seus familiares impediron a mala nova: Después de penosa y cruel enfermedad, dejó de existir en la Villa de Negreira la joven y virtuosa señorita doña Sofía Linares Astray, de Rodríguez Garzón, hija del exministro de la Corona, Don Aureliano Linares Rivas. Los esfuerzos de la ciencia y los esmerados cuidados de su amante esposo y desventurada madre, Doña Adela Astray-Caneda fueron estériles para arrebatar a la muerte persona tan querida (2). Sófía finou no seu domicilio da Rúa do Carmen o día 27 de marzo de 1894 ás oito da mañán. (3)

O AVÓ JOSÉ

O escritor e xornalista Fernando Salgado recolle no seu libro Los surcos y la simiente que o avogado José Astray-Caneda Calvelo, propietario de extenso patrimonio e perceptor de rentas en Negreira era un dos máis ricos de Santiago de Compostela a mediados do século XIX. Militaba nas filas do progesismo liberal e foi nomeado alcalde de Santiago en xuño de 1835 pola raíña rexente María Cristina. Casou coa aristócrata asturiana María Álvarez Builla e era coñecido como “O avogado dos pobres”. En xullo de 1864 participou no Congreso Agrícola Gallego, xunto co que logo sería o seu xenro Linares Rivas, en contra da suspensión do sistema foral, propoñendo retoques para modificar os sucesivos subforos que sometían económicamente ao campesiñado galego, pero considerando inoportuno suprimilo, como importante perceptor que era. O seu pai foi durante 42 anos secretario da corporación compostelana.




LINARES RIVAS


A Coruña a Linares Rivas


Aureliano Linares Rivas, pai de Sofía, era natural tamén de Santiago de Compostela, Ministro de Xustiza durante o reinado de Alfonso XII e de Fomento durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo. Licenciado en Dereito e deputado pola Coruña en 1872 e en 1876 ata 1898. Senador por “dereito propio”. Os outros fillos Manuel e Emilio foron tamén avogados. Foi un dos políticos de máis sona na provincia da Coruña, cidade  na que se lle erexiron varios monumentos.

Sofía Linares Astray recibiu sepultura no panteón da familia Astray-Caneda que aínda se conserva no cemiterio parroquial de San Julián de Negreira, deixando unha filla de curta idade, María de las Dolores Rodríguez Linares, e en ningunha das biografías do seu pai aparece citada xunto cos seus irmáns Manuel e Emilio, ben pola súa morte prematura, por ser muller ou por calquera outro motivo que se coñeza.





1-2. La Voz de Galicia 20-7-1892 e 3-4-1894
3. Rexistro Civil de Negreira 27-3-1894




lunes, 21 de agosto de 2017

HE ANDADO MUCHOS CAMINOS



Antonio Machado
POETA UNIVERSAL

Hace ya ventiocho años que la Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura ( UNESCO) ha declarado Poeta Universal al escritor D. Antonio Machado, porque su vida y obra siempre estuvieron consagradas a los ideales de libertad, la democracia y la ilustración que caracterizaron toda una época y su legado literario continúa siendo una fuente de inspiración para las nuevas generaciones.

Machado jamás separó su conciencia de escritor de la de ciudadano y sus obras son de sobra conocidas. A menudo las creaciones de los poetas se pierden en el recuerdo y sus nombres, para muchos, acaban formando parte del santoral del Parnaso transformándose sólo en personajes ilustres objeto de idolatría. De ahí que sorprenda la reciente polémica suscitada al parecer por un informe emitido por non se sabe quién.

El exdirector de la UNESCO, Federico Mayor Zaragoza, con motivo del 76 aniversario del fallecimiento del poeta en Colliure ( Francia) decía que “ Machado es un referente mundial que, en un momento de gran confusión conceptual como el que está viviendo actualmente la sociedad española y el mundo es también una esperanza para ofrecérselo a los jóvenes para su comportamiento cotidiano”.

En uno de sus conocidos poemas escribía que se hace camino al andar y él lo sabía bien porque anduvo muchos caminos.






HE ANDADO MUCHOS CAMINOS

He andado muchos caminos,
he abierto muchas veredas;
he navegado en cien mares
y he atracado en cien riberas.

En todas partes he visto
caravanas de tristeza,
soberbios y melancólicos
borrachos de sombra negra,
y pedantones al paño
que miran, callan y piensan
que saben, porque no beben
el vino de las tabernas.
Mala gente que camina
y va apestando la tierra....

Y en todas partes he visto
gentes que danzan o juegan,
cuando pueden, y laboran
sus cuatro palmos de tierra...

Nunca, si llegan a un sitio,
preguntan a donde llegan.
Cuando caminan, cabalgan
a lomos de mula vieja,
y no conocen la prisa
ni aun en los días de fiesta.
Donde hay vino, beben vino;
donde no hay vino, agua fresca.

Son buenas gentes que viven,
laboran, pasan y sueñan,
y en un día como tantos
descansan bajo la tierra.


D.Antonio Machado
POETA UNIVERSAL





miércoles, 16 de agosto de 2017

A DORNA






Martiño baixa todas as mañás á rampa do peirao para seguir pintando a súa dorna, de vermello e negro como as dos compañeiros. Amodiño e con precisión vaina coloreando tentando que quede como nova. Tapando os embates do mar que ás veces, polo inverno, bate con forza nuns recantos que no verán manteñen unha prácida calma.

Agora, dime entre as pinceladas, imos ao polbo e as lulas, pero cando meu pai era novo estas tradicionais embarcacións eran como os coches que os levaban dun lado ao outro da Ría de Arousa, ao banco ou a mercar o que se necesitara na casa. Por iso lle temos tanto agarimo malia esoutras modernas de fibra, esas que fiquen aí no pantalán para os que as queiran. É verdade que ademáis dos remos tamén as temos equipadas cos forabordas, faltaría máis, pero no verán coa vela depregada é coma unha gueivota cos ás estendidas deixándose mecer polo vento.

E importante promover o uso destas embarcacións tradicionais, de feito dedícaselle algún día de festa nun dos meses de verán como lembranza do que foi a base do sustento de moitas xeracións e eso non hai que esquecelo, ¿sabes?.. e logo.... mira que feitiñas son, todo unha obra de artesanía. Mentres saia ao mar sempre hei  manter a miña dorniña.

Tamén no meu pobo houbo unha dorna, aínda que hai anos diso.

Veña home!!! e logo andaban ao polbo polo Tambre , dime rindo a gargalladas...


A dorna do río Tambre

Non, foi cando construíron o embalse Barrié de la Maza, a auga cubriu a Ponte Ínsua e ata que subiron os piares un barqueiro pasaba á xente dun lado a outro do río, lembro cando eu era pequeno que o bar de Ramona, que estaba na beira do río, aínda lle chamaban a Taberna da Dorna.

Arranxaron a ponte e acabouse a dorna, dime rindo.

Primeiro acabouse a dorna e logo remataron a ponte ainda que pareza raro.O feito foi que unha noite en que os músicos da Banda da Luaña viñan de actuar no San Xurxo de Gonte, parece que algún estaba un pouco quente e díxolle ao barqueiro que ese día non ía cobrar pola travesía pois era festivo e si se poñía chulo iría de cabezas ao río. Como intentou dar a volta e lavalos ao punto de partida, foi parar a auga, entre as gargalladas de todos.

A historia complicouse debido a que cada vez que tentaba sair a flote, puxábanlle pola cabeza cara abaixo e volvía ao fondo. Nunha desas veces, o náufrago sacou a navalla do peto da chaqueta e o que saiu foi unha folla cortante que rachou a faciana do chistoso dende a orella ata os beizos.

Claro,o home ao verse afogado defendeuse como pudo... Pois si que acabou ben a broma..aínda que seguro que por ser en defensa propia non lle traería tantas consecuencias..

Ao parecer sí, cando foi o xuízo na Coruña, uns espelidos da vila convencérono de que o tribunal non tiña competencias para xulgalo. Interrumpeu varias veces ao xuíz ata que lle concedeu a palabra : "Señoría, dixo, no considero a este tribunal competente para juzgarme, porque el asunto fue sobre aguas y por lo tanto exijo un tribunal de Marina". Esta intervención complicoulle bastante a sentencia...

Pois agora, dixo Martiño rindo, imos tomar un polbiño á feira no bar da Casa do Pescador que has ver o bo facer das nosas dornas.

E alá fomos.



domingo, 2 de julio de 2017

VAMOS A COMPOSTELA!





                                              Foto: López Tuñas



¿Seica nos vamos a Compostela?
Si, camiñemos que é groria vela;
É nosa Roma monumental,
Alí veremos o corpo inteiro
D´o Santo Apostol, que d´o extranxeiro
veñen as xentes ante il a orar.

O tan lembrado vota-fumeiro
de nave a nave voa lixeiro
¡E canto fume votando vai!
Riba unhas andas, vai a cabeza
D´o noso Santo y en cada peza
Leva unha xoya que moito val;
Andan os cregos cubertos d ouro,
N´unha capilla ten un tesouro
Vaya unha pelra de catedral,
Xan non te volvas sin que lle toques
Ó misterioso Santo dos croques
Que n´a portada d´a Groria hay.

Alí veremos moitos conventos,
Moitas eirexas con cen portentos
¡E cantas torres hay n´a ciudá!
Alí á escola ná qu´aprenderon
Tantos ilustres xenios que deron
Á nosa terra nome inmortal.

                                        VALENTÍN LAMAS CARBAJAL







domingo, 18 de junio de 2017

BANDEIRAS AO VENTO


                                                    Foto: Concello de Negreira

Estes días no balcón principal da Casa do Concello ondean as bandeiras de España, Galicia e Portugal, pola visita dos equipos de futbol das Velhas Guardas de Serzedo e Marinha Grande para xogar co equipo de Veteranos de Negreira. Celébranse os 40 anos de intercambio deportivo e de amizade entre os tres pobos. Para unha gran maioría as bandeiras constitúen un vínculo de unión entre as persoas moito máis que unha diverxencia.

Xa hai catro décadas que o equipo de Veteranos comenzou o intercambio de visitas con Serzedo (Vila Nova de Gaia) e os xogadores e as súas familias conseguiron integrar a moitos outros veciños nesta celebración anual, cunha relación baseada no respecto, a convivencia e a amizade. O 25 de agosto do ano 1990 os concellos de Serzedo e Negreira asinaron na localidade portuguesa o protocolo de Irmanamento, acto que tivo a súa correspondencia no concello nicrariense, ao ano seguinte, unha celegración que contou con diversas actividades oficiais e populares, coa presencia de autoridades e amigos serzedenses. Aquel día tocou a Lotería Nacional en Negreira coincidindo coa da amizade, como se dun agasallo se tratara pois os décimos, despachados nun bar da localidade, estiveron moi espallados entre os veciños. Houbo festa por partida doble.

Logo estes lazos compartíronse tamén coa localidade de Marinha Grande, que pasou a formar parte deste numeroso grupo de irmáns de Galicia e Portugal. O futbol foi a desculpa para este convivio tan gratificante durante catro décadas de convivencia e práctica deportiva, que son un exemplo que debera extenderse entre os ambientes fanatizados e violentos que tanto degradan o mundo do deporte.

A expedición portuguesa foi recibida polas autoridades municipais, exalcaldes e directivos dos veteranos nicrarienses e no acto, celebrado no Auditorio, contou coa participación dos representantes das asambleas municipais dos dous concellos lusos. Un grupo de gaitas interpretou o himno portugués con moita maestría. Logo  tivo lugar o trofeo triangular de fútbol entre os tres equipos, xantar campestre na Area Recreativa de Cobas e máis festa. Tamén o compromiso para o próximo ano, que toca viaxe a Portugal, pois o trofeo altérnase  en ámbolos dous países.

O lema de Amigos para Sempre renóvase cada ano, gracias aos Veteranos, ás Velhas Guardas e as autoridades municipais dos tres concellos que sempre están prestos a estreitar, outra década polo menos, estes lazos de amizade que perduran no tempo; novos xogadores, novos alcaldes pero o irmanamento mantense ao día.

Parabéns!!!



sábado, 3 de junio de 2017

AS CEREIXAS DA ENCIÑEIRA



Subir ata o cumio da Enciñeira supón un gran esforzo e un exercicio de concentración. Calquera despiste pode resultar fatal e hai que facelo amodiño e con moito senso. A medida que se ascende a tentación de ollar para o que vai quedando abaixo é grande pero a prudencia dinos que mellor agardar a facer unha paradiña. Todo é subir e máis subir, por eso hai que agardar a ocasión de tomar folgos. Logo, a vista que queda aos nosos pés é espectacular, os meandros do Río SilMontefurado, a maior obra de enxeñería que os romanos fixeron na Galaecia.

Na época do emperador Traxano, no século II,  a riqueza mineira era unha das arelas dos romanos que construíron un  tunel xigante atravesando o monte, orixinariamente tiña 120 m de longo e 52 de ancho, para desviar as augas do río e recoller o ouro no leito seco. Dise que cada ano chegaban a obter unhas 20000 libras, destinadas á capital do Imperio. Ao lado, no lugar de Sesmil estaba acampada a Lexión VI,  parece que diso lle ven o nome ao lugar, polos seis mil soldados que tiña esa unidade de combate romana.

Logo subir e seguir subindo, sempre atentos á dificultade da escalada ata chegar ao punto máis alto onde baixo un ceo moi azul atopámonos arrodeados por un mundo de cereixas, grandes e vermellas, relucentes coma a porcelana e  a tentación fainos sentir o pracer no padal. O  sabor,  exquisito e refrescante, enche os nosos sentidos, por algo os romanos relacionaban esta froita con Venus, a deusa do amor.

De seguro que foron eles os que depositaron as cereixas neste fermoso lugar. Segundo o historiador romano Plinio atoparon esta sabedora froita na colonia grega de “Kerasos”, na costa do Mar Negro, latinizado  “cerasus”, que deu lugar a cereixa.



O señor Gregorio acudeu coa filla a depositar as frores na tumba da súa muller, como cada vez que volta de Quiroga, onde vive na compaña do seu fillo. Sorprendido pola súa antiguidade pregunteille cantos anos podería ter a cerdeira.

- Ai, tenlle moitos! eu sempre a recordo igual e eso que  tamén lle teño bastantes, xa  me quedan pouquiños  para chegar aos cen e recórdoa  igual dende neno.

- Así e todo, dime, aínda non ten tantos anos como a enciñeira xigante que ve ao lado da igrexa,  ten máis de cincocentos, disque xa estaba alí cando fixeron o templo. É a que lle da o nome á parroquia, por eso lle chaman  Parroquia de Enciñeira.









martes, 30 de mayo de 2017

LEITEIRAS



Leiteiras de Santiago


Érgome ao abrir do día
inda alumea o luceiro,
e en chegando a algún regueiro
bautizo con auga fría
o leite do meu pucheiro,
porque mellor aproveite,
¿Quen merca o leite?

Madrugueiros estudantes
hacho ó pasar pola veiga
e detéñenme os tunantes
pedindo nata, manteiga,
e que sei eu...Banadantes!
Mal fogo de Diol os deite,
¿Quen merca o leite?

Cando eu entro pola Vila
todos inda están na cama
in doce calma tranquila,
¿quen de sono os espavila?
Eu que vou chama que chama
hastra que algún se endereite,
¿Quen merca o leite?

E desperta algún señor
abrazando á compañeira
entre suspiros de amor,
pero gracias á Leiteira
que entre seus brazos a estreite,
¿Quen merca o leite?

Corro á Vila sin parar
na cabeza posta a cesta
que relouco por comprar
un adrezo para a festa,
figa, rosario e pieite,
¿Quen merca o leite?

Tamén hei comprar xabón
e unha cartilla de aceite,
mas ¡ay! Dou un tropezón,
adios figa, adios pieite;
¡Dios mío! ¡que compasión!
Adios adrezo, adios leite!!!

Francisco Añón
A GAITA GALLEGA
Na Habana: 30 do mes de Xunio de 1886


En Compostela na década dos anos 80